Carta de Comporomisos de Acceso e uso do XacoBlog
Xacoblog é unha plataforma social que pon o Xacobeo a disposición dos peregrinos que desexedes abrir dun xeito moi sinxelo e rápido un blog. Ofrecémosvos un sistema gratuíto de publicación de doado uso para que compartades as vosas experiencias antes, durante e despois do Camiño. Para acceder ao Xacoblog todos os membros dispoñen dun nome de usuario persoal e unha clave secreta.
Este documento contén as condicións xerais de uso do Xacoblog e a súa aceptación é indispensable para obter o acceso e utilizar os servizos.
- Acceso ao Xacoblog. Uso correcto do nome e a clave de acceso
O acceso ao Xacoblog é persoal e individual. O usuario comprométese a manter en segredo a súa identificación (clave de acceso), sendo responsable de calquera actividade ou mal uso que un terceiro realice mediante esta identificación, xa sexa co seu consentimento ou por neglixencia. O usuario comprométese a notificarlle ao Xacobeo, tan axiña como sexa posible, a perda desta información ou o acceso non autorizado por parte de terceiros. Igualmente, o usuario comprométese a non acceder nin tentar acceder aos espazos aos que non teña acceso. - Bo uso do Xacoblog e respecto mutuo entre usuarios
O usuario comprométese empregar os contidos e os servizos do Xacoblog dun xeito correcto, de acordo co que especifique a lexislación vixente e evitando calquera actuación ilícita ou lesiva de dereitos ou intereses de terceiros.Todo usuario do Xacoblog comprométese a observar unha actitude e unha linguaxe respectuosas no seu blog así como na participación en blogs alleos, e a non transmitir ou difundir opinións ou contidos ilegais, difamatorios, ofensivos ou que atenten contra os valores e a dignidade das persoas.
- Temáticas e contidos dos blogs
O Xacoblog ten como obxectivo permitir a publicación de blogs relacionados e referidos á experiencia da realización do Camiño de Santiago. O usuario comprométese a garantir que a temática do blog cumpre e se cingue a estes contidos, excluíndose a posibilidade de se incluír nesta plataforma blogs referidos a outras temáticas.O Xacobeo garantirá o cumprimento deste apartado, reservándose o dereito a retirar os espazos con temáticas distintas ás previstas.
- Veracidade dos datos persoais
O usuario faise responsable da veracidade e a actualización da información e os datos de carácter persoal que pon en coñecemento do Xacoblog, e comprométese a non falsear a súa identidade facéndose pasar por outra persoa ou producindo engano sobre a súa relación con outra persoa ou entidade. - Protección de datos de carácter persoal
Xacobeo garante a confidencialidade dos datos persoais subministrados polos usuarios do Xacoblog e a adopción das medidas de seguridade nas súas instalacións, equipos, sistemas informáticos e arquivos, en cumprimento da vixente normativa de protección de datos de carácter persoal. - Protección da propiedade intelectual
Tanto o contido como o deseño e código informático do Xacoblog están protexidos por dereitos de propiedade intelectual, que son titularidade do Xacobeo. - Responsabilidade por contidos, declaracións e conduta dos usuarios
O Xacobeo non asume ningunha responsabilidade en relación coas condutas individuais dos usuarios do Xacoblog, manifestadas a través do seu blog, nin tampouco polos contidos e as declaracións que se fagan nos comentarios dos blogs. Con todo, o Xacobeo velará polo cumprimento desta Carta de compromisos e tomará as medidas necesarias para asegurar o seu cumprimento.
O acceso ao Xacoblog e o seu uso implican necesariamente a aceptación plena e sen reservas de todas as disposicións incluídas nesta Carta de compromisos. En caso de incumprimento desta Carta de compromisos, Xacobeo poderá denegar, retirar, suspender ou bloquear o acceso ao Xacoblog e os servizos que se prestan.
-
isabelelenapeleteirovazquez





